MARGALAICA PRESIGUE A CREACIÓN DE EMPREGO E A RECUPERACION DO PATRIMONIO

09
Ago
0
com
Foto: 
30.7.2011.jpg
Fecha: 
09/08/2011 - 09:21

Aventuras marítimas, restaurantes e aloxamentos conforman a oferta desta iniciativa do GAC4.

O Grupo de Acción Costeira Fisterra Ría de Muros-Noia (GAC4) presentou a campaña de promoción “ Margalaica: Turismo Mariñeiro”. A xerente, Manuela Oviedo, indicou que a iniciativa, ademais de impulsar o turismo, persegue a rehabilitación o patrimonio e do produto autóctono, así como o fomento do emprego, tan necesario nestes momentos, e que o GAC4 está levando a cabo.

A pesar de que estaba confirmada a asistencia da conselleira do Mar, Rosa Quintana, non puido acudir por problemas familiares, segundo afirmou Susana Rodríguez, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Susana Rodríguez, encargada de apadriñar o acto, sinalou “Estamos ante un proxecto que nace para divulgar e dar sentido a este novo eixo que se forma”.

Oferta turística.

Margalaica reúne a oferta de servizos turísticos das vilas mariñeiras de Porto do Son, Noia, Outes, Muros, Carnota, Corcubión, Cee, Dumbría e Fisterra co obxectivo de ofrecer aos visitantes toda a información necesaria concentrada baixo unha única marca.

A páxina web ofrece un completo programa, con diferentes actividades vinculadas ao mar, como rutas e xornadas de pesca con profesionais. Entre as empresas adscritas a Margalaica tamén hai unha ampla representación de tascas e restaurantes, así como diversidade de aloxamentos para gozar duns días de estancia nalgún dos municipios de referencia do GAC4.

Pódese atopar información relativa ás propostas de Margalaica en calquera dos establecementos adheridos, no centro de reservas de Turgalicia e, proximamente, os folletos distribuiranse en diferentes locais de Santiago, coa finalidade de atraer ás numerosas persoas que visitan a capital galega.

O presidente do Grupo de Acción Costeira, Tomás Fajardo da Costa, e o alcalde de Noia, Rafael García, mostraron o seu agradecemento a todas as empresas que forman parte deste proxecto pioneiro en Europa. Rafael García Guerrero indicou que, a corto prazo, potenciarase o turismo nestas localidades, que primordialmente viven do sector pesqueiro.