Mulleres do mar de Arousa reúnense en Vilagarcía para crear unha asociación que defenda os seus intereses

21
Out
0
com
Foto: 
xornada mulleres 211016.png
Fecha: 
21/10/2016 - 12:17

Despois de celebrar unha reunión no mes de xullo deste ano, onde se decidiu avanzar na creación dunha asociación que aglutinase a diferentes grupos de mulleres que desenvolven actividades ligadas ao mundo do mar, concertouse unha nova cita para o vindeiro martes día 25 de outubro ás 18:00 horas no recinto de Fexdega en Vilagarcía. Esta reunión é de carácter aberto, e pretende contar coa representación do maior número de mulleres e entidades da zona, entre as que cómpre destacar ás agrupacións de mariscadoras, armadoras, redeiras, percebeiras, bateeiras, etc.
A finalidade desta reunión consiste en realizar un debate sobre o marco estatutario que orientará a composición e funcionamento da asociación, co obxectivo de que a mesma agrupe o maior número de sensibilidades e perfís de mulleres, que desenvolven profesionalmente actividades ligadas á explotación dos recursos pesqueiros, marisqueiros ou acuícolas.

Un dos obxectivos da estratexia de desenvolvemento local participativo do GALP Ría de Arousa é o de promover a igualdade de oportunidades e a promoción do papel da muller no mundo do mar, feito que xustifica o apoio que dende o GALP se ven prestando para este proceso.

Conscientes da importancia do papel que desempeñan as mulleres neste sector económico, e tendo en consideración o importante papel que este colectivo ten en Galicia, creouse recentemente unha Asociación Nacional de Mulleres da Pesca, Anmupesca, que está liderada por mulleres galegas, en representación dos intereses do sector.