A Asociación de Mulleres do Mar de Arousa estará aberta a calquera entidade ou muller relacionada co mar na comarca

26
Out
0
com
Foto: 
20161025_201129 web.jpg
Fecha: 
26/10/2016 - 12:33

No día de onte, máis de 20 mulleres, a título individual e en representación de diferentes entidades, sectores e empresas, compartiron unha xornada de traballo, na que se abordaron diferentes aspectos do marco estatutario relacionado coa creación da Asociación de mulleres do mar de Arousa.

A partires de agora iníciase un proceso de debate interno nas entidades participantes, co fin de pechar o borrador de estatutos, que previsiblemente será aprobado nunha asemblea constituínte a finais do mes de novembro. Entre as principais conclusións ás que se chegou no día de onte, cómpre indicar que calquera muller, a título individual, ou ben calquera entidade relacionada co mundo do mar, poderán participar coma socias, sempre que compartan como finalidade a de promover o papel activo e a defensa dos intereses das mulleres do mar. Deste xeito, destaca o carácter aberto que terá esta asociación, que non quere que ningunha muller quede excluída. Será requisito que tanto persoas como entidades estean radicadas nos concellos que forman parte do GALP da Ría de Arousa (Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Catoira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Illa de Arousa, Cambados, Ribadumia e O Grove).

Por outra banda, tamén se debate sobre os fins que debería que a asociación, destacando entre outros os de :
• Facer visible o papel das mulleres profesionais do mar, reforzando o seu empoderamento, e contribuíndo ao aumento do recoñecemento e conciencia social, sobre a importancia que ten a muller no mundo do mar.
• A defensa dos intereses das mulleres que traballan nos sectores do mar, así como das asociacións e entidades formadas por estas.
• Servir de canle para favorecer o diálogo social coas diferentes institucións, organizacións sindicais, co fin de concertar políticas que poidan favorecer ás mulleres do mar e aos seus colectivos.

Todos estes fins potenciaranse, favorecendo a unión de persoas e entidades vinculadas ao mundo do mar onde participen mulleres (confrarías, asociacións de armadoras, de mariscadoras, de bateeiras, de redeiras, de percebeiras, de empresas de transformación, comercialización ou servizos, etc.). Calquera muller que queira participar pode facelo, poñéndose en contacto co GALP Ría de Arousa, entidade que está apoiando o Proceso.

O GALP Ría de Arousa, leva varios anos traballando na promoción do papel da muller nesta zona, mediante a realización de diferentes eventos e estudios relacionados con este colectivo. Entre eles, destaca un Estudio realizado no ano pasado sobre a situación social das mulleres do mar. Conscientes da importancia que desempeña a muller na economía das zonas pesqueiras, o GALP, adoptou na súa estratexia obxectivos que se aliñan con este aspecto. O apoio na creación da asociación é un fito máis que corrobora esta traxectoria.