Remata con éxito o proxecto impulsado polo GALP A Mariña-Ortegal para a dinamización turística conxunta do seu territorio

18
Nov
0
com
Foto: 
IMG_1194_3.jpg

A sede do GALP A Mariña-Ortegal, na Confraría de Pescadores de Celeiro - Viveiro, acolleu onte a máis de 50 persoas pertencentes á nova Rede de axentes locais do sector turístico e pesqueiro posta en marcha nos últimos meses como parte imprescindible do proxecto.
Durante a xornada, presentada polo Presidente do GALP, José Basilio Otero, e un dos membros do equipo de Valora Consultores, Iria Caamaño, responsables da execución do proxecto, déronse a coñecer os resultados finais do mesmo.
O Plan de Dinamización Turística do Territorio da Mariña - Ortegal ten como obxectivo principal promover proxectos conxuntos entre axentes do mar e do turismo para alcanzar un maior posicionamento do territorio como destino sustentable e mariñeiro e poñer en valor todo o patrimonio natural e cultural vinculado ao mar.
O novo período FEMP 2014-2020, favorecerá a posta en marcha de proxectos produtivos e non produtivos promovidos por empresas, asociacións, administracións locais, confrarías, etc., que estean dirixidos ao desenvolvemento socioeconómico e sustentable do territorio.
O Plan recolle unha extensa e detallada batería de ideas, proxectos e actividades relacionadas co turismo e o mar, que encaixan coa idiosincrasia do territorio e as necesidades e intereses dos axentes locais. Ademais, tódolos proxectos do Plan enmárcanse dentro das liñas e medidas establecidas na Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo do GALP A Mariña-Ortegal, e son, polo tanto, subvencionables.
Este Plan apóiase en catro principios básicos: Territorio, Produto, Calidade e Promoción. Tódolos proxectos propostos, ao redor de 50, agrúpanse en seis ámbitos de actuación prioritaria: posicionamento e comunicación do destino, profesionalización do sector turístico no turismo mariñeiro, sensibilización, posta en valor e promoción da gastronomía local, consolidación e diversificación do turismo mariñeiro, consolidación e diversificación do turismo náutico-deportivo e posta en valor do patrimonio material e inmaterial.
Para o seu deseño, ademais dun exhaustivo traballo de campo e de gabinete, contouse cun intenso proceso participativo, que mobilizou a máis de 150 axentes dos 13 concellos que compoñen o territorio.
O Presidente do GALP lembrou a tódolos asistentes que, neste novo período, o territorio conta cun elevado orzamento para proxectos deste tipo e animou a tódolos asistentes a seguir traballando en común para aproveitar ao máximo a oportunidade de financiamento que supoñen estes fondos europeos para alcanzar un maior crecemento sustentable, tanto a nivel social como económico e ambiental.

Fecha: 
18/11/2016 - 22:04
AdxuntoTamaño
1_informe de resultados das mesas de traballo_.pdf1.71 MB
2_plan de acción_.pdf2.91 MB