Comeza o programa de sensibilización medioambiental nas zonas costeiras do Galp 5

28
Nov
0
com
Foto: 
CARTEL_ACTIV web.png
Fecha: 
28/11/2016 - 14:08

O Grupo de Acción Local de Pesca Ría de Arousa no marco das súas iniciativas de dinamización está a promover un programa de carácter medioambiental co que crear conciencia social de cara á conservación das zonas costeiras e co que potenciar a colaboración entre entidades do mesmo territorio na liña dun obxectivo común.

A principal actuación será a limpeza de varias zonas de costa que se desenvolverá con escolares, colectivos da terceira idade e colectivos de persoas con diversidade funcional e coa que se pretende divulgar a importancia da non contaminación das zonas de costa incidindo nos beneficios que eso suporía para todo o territorio.

O programa terá lugar nos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Catoira e contará coa participación directa de máis de 250 personas en actividades específicas adaptadas a cada un colectivos e dos espazos nos que van ter lugar.

A primeira das xornadas tivo lugar o luns día 28 de novembro no concello de Ribeira con escolares de sexto curso de primaria que fixeron unha intervención de limpeza na praia de Coroso. Nunha franxa horaria de 10.30h a 13.30h os escolares organizados en grupos contaron cos materiais necesarios e apoio de monitores especializados para facer unha recollida de lixo selectiva coa que contribuír á limpeza da praia e coa que coñecer máis acerca da xestión dos residuos.

O concello de Ribeira acollerá a actividade tamén o vindeiro mércores día 30 (no mesmo horario) na praia de Coroso pero nesta ocasión os protagonistas serán un grupo de persoas adultas con diversidade funcional.