Nace a Asociación de Mulleres do Mar de Arousa para empoderar ás traballadoras do sector e defender os seus intereses

05
Dec
0
com
Foto: 
20161025_201048 copia.jpg
Fecha: 
05/12/2016 - 13:19

O vindeiro 14 de de decembro celebrarase a asemblea constituínte da Asociación e Mulleres do Mar de Arousa, momento no que se decidirá, entre outras cousas, cal vai a ser o seu nome. A reunión é aberta a todas as mulleres ou entidades participadas por estas, que queiran unirse á mesma. O acto terá lugar na sala de Conferencias do Auditorio de Vilagarcía a partir das 18:30 horas. Primeiro celebrarase a asemblea para a constitución formal da asociación e rematada esta, procederase á clausura por Dona Rosa Quintana Carballo, Conselleira do Mar, e Dona Susana Rodríguez Carballo, Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Programa do encontro
18:00 - 18:30 Recepción de asistentes
18:30 - 20:00 Asemblea Constituínte
20:00 - 20:20 Acto de clausura institucional da asemblea.
20:20 – 21:00 Degustación de produtos mariñeiros.

Diferentes entidades da zona xa confirmaron o seu interese en participar, destacando entre outras á meirande parte das confrarías da zona, asociacións de armadoras, asociacións culturais, asociacións produtoras de mexillón, OPPs, cooperativas e outras empresas do sector, e tamén mulleres a título individual.

ANTECEDENTES
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Arousa está apoiando a creación dunha asociación de mulleres do mar de Arousa. Este proxecto continúa a senda de actividades que o Grupo veu desenvolvendo no anterior período do Fondo Europeo de Pesca, co fin de promover a igualdade de oportunidades e reforzar o empoderamento das mulleres do mar, destacando o seu importante peso na economía pesqueira e no entorno social. No actual período de programación de fondos do FEMP, este aspecto segue a ser prioritario na estratexia do GALP.

O proxecto de creación da Asociación de Mulleres do Mar de Arousa iníciase no mes de xullo deste ano coa celebración dunha reunión de traballo en Vilagarcía de Arousa. Nesta reunión, na que participan ao redor de 30 mulleres, en representación de diferentes entidades da zona, decídese seguir adiante co proxecto, fixando un calendario de traballo que constaría dunha reunión para debatir o marco estatutario e outra para celebrar a asamblea constituínte. Cómpre indicar que este proxecto é impulsado dende abaixo cara arriba, sendo as mulleres as verdadeiras impulsoras do proceso, e o GALP un instrumento de apoio deste proceso.

A finais do pasado mes de outubro celébrase de novo unha reunión na que se debate o marco estatutario chegando a unha serie de acordos. O primeiro que se decide é que a asociación terá un carácter plenamente aberto, permitindo que calquera persoa física ou xurídica, esta última formada por algunha muller, con ou sen ánimo de lucro, poderá participar coma socia da mesma. O único requisito que se pide é que as socias teñan domicilio social, vivan ou traballen na zona da Ría de Arousa (concellos que comprende o GALP). Decídese tamén que o principal fin da asociación será o de defender os intereses das mulleres vinculadas ao mundo do mar, reforzando o seu empoderamento e visibilidade.